O Consello da Xunta de Galicia aprobou o luns a ampliación da AG-59 ata O Rollo (Santa Cristina de Vea) dotándoa dun orzamento de 32 millóns de euros para comezar coas expropiacións a principios de 2025 e licitar as obras no mesmo ano. As obras terán unha duración de 36 meses, polo que o novo treito debería estar rematado en 2028.
Prevése que a ampliación permita poder chegar desde A Estrada ata Santiago en 10 minutos á vez que se incrementa a seguridade.
O Presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, destacou que esta obra permitirá mellorar a vertebración territorial e potenciar a competitividade económica da comarca e remarcou o compromiso do goberno autonómico coa modernización das infraestruturas en toda Galicia.
“Con este proxecto, A Estrada dá un paso decisivo cara ao futuro”, comentaron desde o partido. Ademais, afirmaron que “seguiremos traballando para que o noso concello continúe medrando, con mellores comunicacións e máis oportunidades para todos os estradenses”.
O PP da Estrada celebrou este anuncio, destacando que coincide coa ampliación do Polígono de Toedo, polo que “permitirá atraer novos investimentos e consolidar a posición do municipio como un centro neurálxico de actividade económica e institucional”.
Imaxe de portada: Obras da AG-59 // O Xornal da Estrada / Arquivo

Deixar un comentario