O PSOE presenta enmendas aos orzamentos da Xunta para incluír melloras na PO-213, na PO-214 e na PO-841

O PSOE presenta enmendas aos orzamentos da Xunta para incluír melloras na PO-213, na PO-214 e na PO-841

O PSOE presentou varias enmendas aos orzamentos da Xunta para o ano 2025. O voceiro dos socialistas estradenses, Luis López Bueno, presentou as relativas ao concello da Estrada.

A gran inversión que piden atópase na seguridade viaria: os socialistas solicitan 12,9 millóns de euros para melloras na PO-213 (A Estrada – Ponte Ulla), na PO-214 (Pontecesures – Baloira) e na PO-841 (A Estrada – Santiago), que son “das peores [estradas] que ten a Xunta en toda Galicia”.

No caso da PO-213 piden a execución do proxecto aprobado no Hórreo cos votos a favor dos populares e, no da PO-841, lembrou que xa lle pediran á Xunta “un estudo de mellora da seguridade viaria na PO-841” e que “cada 15 días hai un accidente nesa estrada”.

Desde a agrupación socialista tamén reclamaron 1,35 millóns de euros para a ampliación da capacidade da EDAR de Aguións dado que leva anos “ao bordo do colapso”. Ademais, solicitan 1,25 millóns de euros para unha reixa de grosos automática, novo decantador secundario, sistema de eliminación de fósforo e un silo de almacenamento de fangos e 100.000 euros para un estudo sobre estado e melloras necesarias na rede de abastecemento de auga no casco urbano, pois “non son raras as roturas”.

Pediron “unha partida orzamentaria con nome e apelidos para A Estrada” para a construción de vivenda pública, que tería que “quedar encamiñada neste 2025”. Neste apartado incluiríanse 60.000 euros para os deseños e previríase un gasto de 6 millóns de euros nos dous anos seguintes.

Ademais, solicitaron a construción dunha nova residencia pública da terceira idade e ampliar o Centro de Saúde para que conte co servizo de diálese. Tamén incluíron melloras no abastecemento eléctrico do polígono industrial de Toedo e a redacción do proxecto de Centro de apoio/innovación da Mazá e Oliva.


Imaxe de portada: PO-841 // O Xornal da Estrada

Comentarios

Deixar un comentario