Luis López Bueno, voceiro do PSOE da Estrada, asegurou saír cun “sabor agridoce” da reunión da Mesa de Mobilidade do pasado luns. Nela planificáronse os gastos que se destinarán aos fondos ITE.
Lamentou que, pese a que “os técnicos e a Dirección Xeral de Fondos Europeos confirmaron que as propostas sobre o centro de saúde antigo e sobre a extensión da rede de fibra no rural son perfectamente viables”, desde o PP decidiron non incluílos.
Cre que o edificio que se construirá na antiga parcela do INEM “non é o máis axeitado” porque só se vai destinar aos traballadores dos Servizos Sociais e á Atención Temperá, sen chegar a construír todas as plantas que se podería. Para el, a mellor opción é a do antigo Centro de Saúde:
“Temos un edificio baleiro de 2.600 metros cadrados que camiña imparable cara a ruína
Luis López Bueno, voceiro do PSOE da Estrada
técnica e Gonzalo propón desaproveitar a parcela do INEM que sería estupenda para a
outro tipo de proxectos”
Asegurou que “temos un alcalde manipulable” polos diferentes cambios de opinión sobre a ubicación dos Servizos Sociais: “ao principio coincidían con nós en recuperar o Centro de saúde antigo, despois especulaban co edificio do Xulgado 1 e agora van construír un dende cero”.
O socialista considerou “necesario” o proxecto do rural, que consiste na mellora das cunetas e na construción de beirarrúas, pero asegurou que é máis necesario colocar a fibra no rural porque nos últimos anos a poboación marchou cara parroquias de concellos veciños, onde teñen “servizos fundamentais que na Estrada non temos”. Por iso, ve prioritaria a instalación da fibra óptica á construción de beirarrúas e prefire deixar en segundo plano “destinar millóns de euros a unhas cunetas que despois serán incapaces de manter”.
Sobre a reforma da Casa da Música asegurou que “todos sabemos que necesita unha actualización importante”.
Imaxe de portada: Ribela // O Xornal da Estrada


Deixar un comentario