Móvete levaou ao pleno deste xoves unha moción para subvencionar a compra de vivenda no rural e para limitar o prezo da vivenda de aluguer, que contou co apoio do BNG, mais foi rexeitada polo PP e polo PSOE.
Desde Móvete censuraron que tanto PP coma PSOE non fixeran propostas para mellorar a moción e, aínda así, votaran en contra poñendo “excusas sen argumentar”.
Aseguran que o voto en contra dos populares débese a que “prefiren gastar os cartos noutras cousas” pero, o dos socialistas, “non se entende, cando ademáis no Concello de Vigo adoptaron unha medida moi similar”, só que adaptada aos recursos que dispoñen.
Xoán Reices, voceiro do BNG da Estrada, lamentou que non se atenderan as propostas feitas pola oposición en materia de vivenda, tanto as feitas pola súa formación coma por Móvete.
Criticou o papel do PP, que en ambas ocasións rexeitou as propostas e comentou que “independientemente de que as medidas para mellorar a situación da vivenda no Concello propostas pola oposición non sexan perfectas, seguramente son mellores que as que presenta o goberno do concello: é dicir, ningunha”. Ademais, mostrouse sorprendido polo voto en contra dos socialistas.
No mesmo pleno si que se aprobou a cesión de terreos ao Instituto Galego de Vivenda e Solo para a construción de vivenda de protección oficial. En total podería haber ata 60 vivendas novas.

Deixar un comentario