Media etapa do Gran Camiño percorrerá A Estrada

Media etapa do Gran Camiño percorrerá A Estrada

Terá 145 quilómetros

Este sábado presentouse na Cidade da Cultura (Santiago de Compostela) o percorrido da cuarta edición do Gran Camiño, a proba ciclista que percorre Galicia e que, este ano, comeza en Portugal.

A segunda etapa, que se celebrará o xoves 27 de febreiro, sairá desde Marín dirección Pontevedra. Tras pasar por Campo Lameiro coroaráse o alto de San Antoniño (3ª categoría) e dirixiránse a Moraña, Caldas de Reis e Cuntis. Subirán polo Castroloureiro e no casco urbano comezarán un circuíto polo que farán dúas pasadas. Nelas dirixiránse ás terras da Ulla e ascenderán San Vicenzo (3ª categoría), en Berres. A meta situaráse nas proximidades da Farola.

Dos 144,8 quilómetros que terá, a metade serán dentro do concello da Estrada. En total, haberá 2562 metros de desnivel positivo.

O exciclista estradense Álex Marque comentou que vai ser “a primeira etapa con algo de dificultade” na que se vai a pasar por zonas nas que “non hai nada plano”. De San Vicenzo destacou que son 3 quilómetros cunha pendente media do 9%, co primeiro quilómetro “ao 14-15%”. Para el, esta etapa “é un capítulo perfecto” para o galego Carlos Canal (Movistar Team).

Álex Marque na presentación do Gran Camiño // TVG / Captura de pantalla

Gonzalo Louzao, alcalde da Estrada, destacou que o concello é “a capital galega do deporte” na que “o ciclismo é moi importante”. Lembrou que A Estrada acolleu a saída dunha etapa da Volta a España en 2014 e asegurou que esta etapa ofrecerá “unha imaxe singular do territorio”.

Terio Carrera, presentador da gala, lembrou que en 1994, cando o mandatario “tiña tres meses”, unha etapa da Volta a Galicia rematou diante do consistorio estradense. Nesa etapa alzaba os brazos Luc Leblanc, quen 17 días despois gañou o Mundial de Ciclismo.

As outras etapas

A etapa inaugural partirá de Maia e rematará en Matosinhos. Será a máis longa (190,6km) e a única na que se pode prever un sprint masivo en meta.

Mapa e perfil da etapa 1 // O Gran Camiño

O día despois da etapa da Estrada, os ciclistas enfrontaránse a unha proba contra o crono de 15,5km que unirá a Ponte Romana de Ourense co Pereiro de Aguiar. Contará cun porto de 3ª categoría que incrementará a dificultade da proba.

Mapa e perfil da etapa 3 // O Gran Camiño

A cuarta etapa será a raíña. Sairáse da Pobra do Brollón e remataráse no Cebreiro. Na segunda metade dos 142 quilómetros ascenderáse o Alto de Campo do Arbre (3ª categoría), o Alto de Catro Ventos (2ª categoría), o Alto da Pintinidoira (1ª categoría) e O Cebreiro (2ª categoría).

Mapa e perfil da etapa 4 // O Gran Camiño

A última etapa unirá Betanzos coa Alameda de Santiago de Compostela. Nos 165,3 quilómetros da etapa ascenserán en dúas ocasións o Alto de Lampai (3ª categoría), ao que seguirán tres tramos de ‘sterrato‘ ou camiños de terra, que poden poñer patas arriba a etapa e, por que non, á clasificación xeral.

Mapa e perfil da etapa 5 // O Gran Camiño

Menos equipos do World Tour

No ciclismo, cada 3 anos os equipos ascenden e descenden de categoría. Ao rematar 2025 vanse producir, polo que moitos equipos rexeitan participar en probas que apenas prevén conseguir puntos para a clasificación e concéntranse nas que máis se reparten.

De feito, as normas da Unión Ciclista Internacional (UCI) recollen que na categoría na que se atopa O Gran Camiño nas etapas só puntúan os 3 primeiros ciclistas e, na clasificación xeral, os 10 primeiros.

Así, salvo sorpresa de última hora, os equipos que participarán serán os seguintes:

  • Movistar Team
  • Groupama – FDJ
  • Israel – Premier Tech
  • Uno-X Mobility
  • Team Polti VisitMalta
  • VF Group – Bardiani CSF – Faizanè
  • Equipo Kern Pharma
  • Euskaltel – Euskadi
  • Caja Rural – Seguros RGA
  • Burgos Burpellet BH
  • Wagner-Bazin WB
  • Illes Balears Arabay
  • APHotels & Resorts / Tavira SC Farense
  • Sabgal / Anicolor
  • Efapel Cycling
  • Rádio Popular – Parede Boavista
  • Tavfer – Ovos Matinados Martágua
  • Petrolike Team

Imaxe de portada: Mapa e perfil da etapa 2 // O Gran Camiño

Comentarios

Deixar un comentario