Ata 5,5mm en 10 minutos. Así de intensa foi a chuvia este domingo por mor da borrasca Herminia. E a iso houbo que sumarlle o forte vento.
O dato co que abrimos esta nova recolleuse na estación de MeteoGalicia en Forcarei, mesma estación na que ao remate do día xa se acumularan máis de 150mm e na que se rexistrou o refacho máximo da comarca: 115,3km/h.
Na Estrada, segundo a estación da AEMET, acumuláronse 133,4mm, chegando a recollerse 21mm nunha hora.
Todo isto provocou a caída de ducias de árbores, incluso en vías como a N-550 en Orazo, cables de luz na rúa Progreso en Forcarei e a existencia de balsas de auga en numerosos puntos da rede viaria, como na N-640 á altura da antiga Lennon ou en Guimarei nas proximidades da Torre.
Ademais, rexistráronse cortes na subministración eléctrica tanto no norte coma no sur do concello.
Segundo o último boletín do 112, A Estrada era o terceiro concello de Galicia con máis incidencias (18, ás que lle habería que sumar as chamadas directas a Emerxencias), só por detrás de Santiago de Compostela (23) e de Vigo (52).
Imaxe de portada: Temporal Herminia // cedida


Deixar un comentario