22 anos creando familia

22 anos creando familia

Noelia Bouzón colle o testigo de Xabier Camba na presidencia da Fervenza de Ouzande

Calquera que participase nalgunha actividade da Fervenza de Ouzande é coñecedor do ambiente familiar que se crea nelas. Porque A Fervenza é iso: unha gran familia.

Xabier Camba, quen a liderou durante os últimos 22 anos, xogou un papel fundamental, e sempre será lembrado por iso. Porque cos centos de actividades que se levaron a cabo baixo o seu mandato, el e o seu equipo conseguiron que calquera que chegue novo a esta asociación saiba que pasou a formar parte dunha familia inigualable.

Antiga directiva // cedida

Esa familia que te invitará a comer cando esquezas a comida na casa, esa familia coa que bromearás nun autobús ou no Campo da Festa, esa familia coa que desfrutarás de cada actividade na que esteas con ela, coa que falarás sempre que te atopes con ela en calquera lugar e coa que xerarás recordos que nunca esquecerás.

Por iso na Xunta Xeral da Fervenza de Ouzande producíronse numerosas homenaxes a Xabier Camba: un cadro con imaxes das actividades levadas a cabo, unha actuación de Retrouso, un vídeo ou unha torta conmemorativa puxeron o punto emotivo á reunión. Camba agradeceu a súa labor aos compañeiros e compañeiras de equipo, amais dos socios e socias alí presentes.

Cadro con fotos das actividades da Fervenza de Ouzande // cedida

O medio cento de socios e socias que participaron decidiron que Noelia Bouzón ocupará o cargo de presidenta. Bouzón xa é coñecedora de como funciona a directiva, pois foi vicepresidenta. Acompañarána Laura Carbajal como vicepresidenta, Inés Bugallo como secretaria e Laura Herraiz como tesoureira, sendo a única que repite no seu posto.

Nova directiva // cedida

Resumo das actividades do 2024

Deste xeito comeza unha nova etapa nesta gran familia, por primeira vez liderada exclusivamente por mulleres.


Imaxe de portada: torta de agradecemento a Xabier Camba // cedida

Comentarios

Deixar un comentario