Queremos Galego A Estrada presentou no MOME a manifestación que se celebrará o domingo 23 ás 12.00h en Santiago de Compostela a prol da lingua. No acto estiveron presentes cidadáns e membros tanto do BNG coma do PSOE.
O lema será Lingua vital, xa! e a súa celebración coincidirá co Día de Rosalía de Castro, unha das principais impulsoras do Rexurdimento galego. A manifestación partirá da Alameda compostelá e rematará na praza do Obradoiro, onde haberá unha actuación musical.
Consideran necesario un cambio nas políticas ante a situación de emerxencia lingüística que sofre o galego, posta de manifesto polo IGE.
“A actitude da Xunta, nos últimos quince anos caracterízase pola hostilidade contra o galego e pola exclusión da nosa lingua en todos os ámbitos: cada vez máis impedimentos para o uso da galego na administración, na xustiza, no audiovisual, no ensino…”
Queremos Galego A Estrada
Comentan que o ensino foi o eido que máis afectado polas políticas lingüísticas da Xunta de Galicia: “urxe a derrogación do Decreto de Plurilingüismo para o Ensino, que entrou en vigor no ano 2010 e que supuxo na práctica a eliminación do galego nas aulas de Educación Infantil e a prohibición do seu uso en Primaria e Secundaria nas materias de maior carga horaria”, algo que provocou que o 30% dos nenos e nenas de 5 a 14 anos non saiban falar galego.
Para eles, o máis urxente é a aprobación do Plan Xeral de Normalización Lingüística, algo que consideran unha cuestión “de vida ou morte”.
Lamentaron que a Xunta nomears unilateralmente unha comisión na que non participan moitos dos sectores e asociacións a prol da lingua e que “carece de transparencia”. “A realidade amósanos que esta comisión non é máis que unha farsa organizada para aparentar que se van tomar medidas, cando en realidade non hai intención de facer absolutamente nada en favor do galego”, conclúen.
Criticaron a enquisa paralela aos datos do IGE que realizou á Xunta. Dita enquisa, feita por Sondaxe – mesma empresa á que La Voz de Galicia lle encarga as sondaxes electorais -, mostra datos máis benévolos. “O que se fai público non é máis que un panfleto da Xunta, que presenta inconcrecións e amosa erros (non se dá a coñecer a ficha técnica do estudo estatístico, ofrécese unha interpretación dos resultados sen amosar as preguntas concretas, a mostra está mal escollida…). Ademais, trátase dunha enquisa que analiza as percepcións sobre a lingua e non os usos”, explicaron.
Aseguraron que o 23 de febreiro vaise demostrar “que hai un clamor unámine na sociedade galega, que non vai consentir que as cousas continúen así e que vai esixir á Xunta de Galiza unhas verdadeiras políticas normalizadora” nas que participen os sectores afectados.
Imaxe de portada: Presentación da manifestación // cedida

Deixar un comentario