O BNG solicita un espazo alternativo para verter os residuos durante as obras do Punto Limpo

O Punto Limpo pecharáse durante un mes para realizar obras de mellora das instalacións e de seguridade aproveitando o cambio de empresa que a xestiona.

Xoán Reices, voceiro do BNG da Estrada, asegurou que “un mes é demasiado tempo” e que “se son necesarias hai que facelas, pero o concello non pode pechar este servizo sen poñer enriba da mesa unha alternativa”.

Explicou que “haberá veciños e veciñas que poidan agardar un mes para levar ao punto limpo todo o material que lles sobra, mais hai outros que non, por exemplo aquelas persoas que vaian realizar reformas na casa, oficinas, etc, necesitan unha alternativa”, polo que instou que se habilite un espazo alternativo.

Amais, propuxo que se instale un punto de reutilización, servizo co que contan en concellos coma o de Valga, e que podería servir para aforrar na factura de SOGAMA.

Comentarios

Deixar un comentario