O Concello buscará a forma de penalizar á empresa que serviu a comida na Festa do Maior

O Concello buscará a forma de penalizar á empresa que serviu a comida na Festa do Maior

O que ía ser unha festa que homenaxeara aos maiores do municipio quedou empañado porque a empresa encargada de servir a comida quedou sen existencias do segundo prato e, en consecuencia, case 50 dos 700 comensais tiveron que agardar á chegada da comida preparada polo Restaurante Río Liñares, quen acudiu de emerxencia.

Esta situación criticouna Gonzalo Louzao, alcalde da Estrada, nada máis producirse. Referíndose aos asistentes comentou que “normalmente, cando se acaba unha comida, dáselle un aplauso ao cociñeiros. Hoxe, o aplauso é para todos vós”. Nese momento xa esixiu responsabilidades á adxudicataria, algo que volveu a facer este luns:

“Estamos depurando responsabilidades en base ao contrato, analizando as penalizacións que se lle poden establecer á empresa por incumprimento do contrato, tanto pola cantidade de comida servida como porque houbo persoas, preto de 50, ás que non lle serviron o segundo prato e houbo que ir buscar comida fóra, algo que é completamente intolerable”.

Gonzalo Louzao, alcalde da Estrada

En referencia ás críticas de Luis López Bueno, voceiro do PSOE da Estrada, asegurou que o Concello é o primeiro interesado en que a empresa encargada sexa local e explicou que non se pode vetar a unha empresa polo mero motivo de non ser local: “Se os demais municipios non permitiran o acceso a estas empresas que traballan de luxo e levan o nome da Estrada polo mundo adiante, só traballarían un día ao ano co contrato deste Concello”.

Comentou que o contrato era “suculento” en comparación con anos anteriores e que en segundo lugar quedou unha empresa estradense cuxo precio do menú era 50 céntimos superior. Mostrouse “triste” porque  “hai 700 persoas que, coma o concello, tiñan unha expectativa nesta comida que non se cumpriu” e avanzou que se tomarán medidas ao respecto.

“Poremos as trabas, pero non podemos devolver a cantidade e a calidade da festa que pretendía ser unha homenaxe para os nosos maiores”

Gonzalo Louzao, alcalde da Estrada

Por último, pediulle “reflexión” ao PSOE pois no San Froilán a empresa encargada de preparar o polbo tamén era madrileña, “co conflito que se xerou para as empresas de alí ou coscomentarios de que no San Froilán, tal como di o señor López Bueno, se sirve polbo de Madrid”.


Imaxe de portada: Festa do Maior // cedida

Comentarios

Deixar un comentario