Comezan as obras no Reimóndez Portela de cara a súa apertura neste ano

Comezan as obras no Reimóndez Portela de cara a súa apertura neste ano

Operarios do Concello atópanse traballando no Museo Manuel Reimóndez Portela para poder reabrir as portas no segundo semestre deste ano, tal e como se confirmara a finais de 2024.

Actualmente estanse centrando na selección do material que non se empregará nesta nova etapa, aínda que tamén se realizarán labores de mantemento das instalacións, deterioradas tras varios anos de peche. 

Tras a mellora estrutural e da cuberta realizada no pasado, vaise restaurar as carpintarías decapando o vernizado, lixándoas, volvendo a vernizalas e selándoas. Tamén se pintarán as reixas e limparánse os muros de pedra. Aproveitaráse para retirar sedimentos da zona empedrada e para sementar herba na zona azardinada.

Tamén se substituirá o cadro eléctrico, lixaránse e empastaránse os paramentos interiores deteriorados pola humidade, aplicaráse pintura plástica satinada e crearáse un falso teito no despacho do piso superior.

Máis de 2000 pezas

Segundo as últimas estimacións, o museo conta con máis de 2000 pezas, entre as que se atopan rexistros etnograficos, fotografías, cadros de Laxeiro, Colmeiro, Castelao ou Ánxel Lemos ou maquetas a escala da antiga igrexa ou do cruceiro. Algunhas destas pezas están a ser catalogadas.

No espazo central prevése a creación dunha sala nobre na que se exhibirán algunhas das pezas máis importantes. Na nave lateral esquerda situaráse o apartado etnográfico e, na dereita, a escola do museo. No piso superior reservaráse a parte dereita para os estradenses ilustres e, a esquerda, para o despacho e a sala de investigadores.


Imaxe de portada: Traballos no Museo Reimóndez Portela // cedida

Comentarios

Deixar un comentario