Convocan unha manifestación contra Altri e a Mina de Touro na Pobra do Caramiñal

Convocan unha manifestación contra Altri e a Mina de Touro na Pobra do Caramiñal

A Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA) convocou para o sábado 22 unha manifestación na Pobra do Caramiñal contra o proxecto de Altri en Palas de Rei e contra a reapertura da Mina de Touro. Xaquín Rubido, presidente da PDRA, asegurou que os proxectos causarán “un dano irreparábel no noso tecido produtivo do marisqueo, a agrogandeiría e o turismo sostible, coa conseguinte perda de postos de traballo e de calidade de vida”.

Na presentación estivo acompañado polo patrón maior de Rianxo, Miguel Iglesias, por María José Cancelo da Plataforma Mina de Touro-o Pino NON, e Pilar Naveira da Plataforma Ulloa Viva, que lembraron que “estes dous proxectos industriais que a Xunta de Galicia considera estratéxicos comprometen a auga do río Ulla e da ría de Arousa e a viabilidade do sector marisqueiro e do agrogandeiro”.

Confirmaron que despregaránse 500 barcos que comezarán a manifestación ás 12.30h na Enseada da Pobra do Caramiñal, mentras que ás 12.00h arrancará a manifestación por terra desde a Estación de Autobuses da localidade. A organización da manifestación marítima foi consensuada con Capitanía Marítima.

Rubido engadiu que a semana pasada coñeceuse a anulación por parte do TSXG de varios artigos do Decreto 102/2023 do 15 de xuño da Xunta de Galicia co que se fan as tramitacións ambientais pola “privatización da tramitación das avaliacións ambientais”.

Tamén lle pediu ao goberno autonómico que “anule a petición da captación de Auga de Altri en Portodemouros porque está caducada” e denunciou que estáse levando a cabo unha tramitación “irregular e falta de transparencia”.

No caso da Mina de Touro, lembraron que en 2020 a Xunta rexeitou cunha DIA negativa un proxecto que “agora resulta que é estratéxico”.

Manifestación en Pontevea 

Manifestación en Pontevea // A Ulla Viva

A ponte de Pontevea acolleu este domingo unha manifestación en repulsa da Declaración de Impacto Ambiental que recibiu a celulosa de Altri, na que conseguiron encher toda a ponte de manifestantes. A protesta convocárase o venres.


Imaxe de portada: rolda de prensa de presentación da manifestación // cedida

Comentarios

Deixar un comentario