Os propietarios deberán ir á unidade técnica que se instalará no Teatro Principal
Desde o vindeiro luns a Xunta comezará co levantamento de actas previo á expropiación de parcelas para a construción da prolongación da AG-59 que levará a autovía desde Pontevea ao Rollo (Santa Cristina de Vea). Os propietarios das 216 parcelas deberán acudir á unidade técnica que se instalará no Teatro Principal desde o luns ata o xoves, con horario de atención de 9.00 a 14.00h e de 16.00 a 18.00h, excepto o xoves, cando só se atenderá en horario matutino.
Ao acto deberán acudir os titulares afectados ou ben representados por outra persoa debidamente autorizada, que entrarán pola porta lateral do teatro e que deberán aportar DNI, documentación que acredite a súa titularidade sobre as parcelas que van ser expropiadas e os certificados de conta con códigos IBAN e BIC para poder recibir a compensación pola expropiación a través de transferencia bancaria.
Amalia Goldar, concelleira de Urbanismo, comentou que aquelas persoas que non recibiron a carta pero entenden que se ven afectadas polas expropiacións pódense achegar ata o Principal coa documentación acreditativa pertinente para así formular as súas dúbidas e cuestións.
Tanto a relación de titulares cos bens coma o plano parcelario correspondente están expostos no Concello da Estrada e no Servizo Provincial da Axencia Galega de Infraestruturas de Pontevedra. Ademais, pódese consultar todo o referente ao proceso no DOG.
Lembremos que o novo treito da autovía terá unha lonxitude de 4 quilómetros e permitirá rebaixar o tempo de viaxe desde A Estrada ata Santiago a 10 minutos.
Imaxe de portada: obras da AG-59 // O Xornal da Estrada

Deixar un comentario