A ampliación do polígono de Toedo continúa avanzando para poder ser unha realidade “o antes posible”. Así o avanzou Gonzalo Louzao, alcalde da Estrada, tras a reunión que mantivo na mañá deste mércores con técnicos de Xestur – a sociedade encargada de xestionar o solo industrial de Galicia – e da empresa encargada de realizar o Plan Estruturante de Ordenación do Solo Empresarial (PEOSE) e da urbanización, ademais de integrantes de diferentes departamentos municipais.
Nela analizaron os pasos e prazos de cara a aprobación do PEOSE para podela someter a trámite o antes posible. No momento no que se aprobe o plan poderáse proceder á urbanización dun terreo de case 157.000 metros cadrados, dos cales case 100.000 serán parcelas.
O PEOSE xa se someteu a tramitación medioambiental, sendo emitida en outubro de 2024. En febreiro entregóuselle a Xestur de cara a súa revisión e actualmente estánse finalizando os contactos coas diferentes administracións.
“Este é un proxecto estratéxico para A Estrada. Xunto coa autovía e a vivenda pública, o incremento das opcións laborais no municipio veñen da man deste polígono industrial. A ampliación, por iniciativa pública, deste parque é fundamental para o asentamento de novas empresas”
Gonzalo Louzao, alcalde da Estrada
Ademais, Louzao recoñeceu que algunhas empresas mostraron interés en ocupar algunha das parcelas polo que “o goberno porá medios humanos e materiais ao servizo de poder contar con esta ampliación do polígono de Toedo o antes posible”.
Imaxe de portada: reunión do Concello con Xestur // cedida


Deixar un comentario