López Bueno reclama un uso definitivo para o Matadoiro

López Bueno reclama un uso definitivo para o Matadoiro

Luis López Bueno, voceiro do PSOE da Estrada, anunciou que o seu grupo reclamará que o goberno traballe nun novo destino para o Matadoiro, que leva varios anos abandonado. Lembrou que “no seu momento houbo interesados en iniciar actividade alí, logo hai que valorar como abordalo” e que o Concello rescatou a concesión en 2016, polo que “é responsabilidade municipal a todos os efectos” e correspóndelle ao Concello “poñer en valor a instalación, vendela,  regalala ou tirala, pero o que está claro é que non pode estar como está”.

Mostrouse convencido de que “cunha fórmula adecuada, habería maneira de poñer a funcionar esa instalación. Debe haber vontade política e ideas, aínda que neste momento parece que Gonzalo Louzao non reúne ningún dos dous requisitos” e asegurou que a obra poderíase facer incluíndoa como requisito para a concesión ou ben con fondos da Xunta.

O socialista incluirá na súa demanda que se retiren os vertidos incontrolados do interior pois “o Concello pode estar sometido a responsabilidade por ser o titular da infraestrutura” e se eses vertidos estiveran na finca de calquera veciño, tería sancións dende hai anos”.


Imaxe de portada: Luis López Bueno // O Xornal da Estrada

Comentarios

Deixar un comentario