A Xunta de Goberno Local deste luns aprobou crear unha nova liña de axudas que, sumadas ás destinadas a deportistas e clubs, suporán destinar 204.000 euros á promoción da actividade deportiva. O alcalde Gonzalo Louzao asegurou que “supón case duplicar as axudas”.
“Queremos facilitar que os clubs poidan facer eventos e competicións que axuden, ademais, a fomentar o turismo deportivo no noso municipio”
Gonzalo Louzao, alcalde da Estrada
O mandatario comentou que esta liña de acudas permitirá que “as asociacións deportivas locais poidan capitanear e ser anfitrioas naorganización de eventos e presumir da Estrada como sede deportiva”.
Os eventos deben celebrarse entre o 1 de setembro de 2024 e o 1 de agosto de 2025 e ser organizados por clubes, asociacións deportivas e entidades do Concello da Estrada, sempre e cando estean legalmente constituídas. As solicitudes deberánse presentar nun prazo máximo de 30 días desde a publicación no BOPPO.
Amais dos 100.000 euros que se destinan á organización das probas, haberá 104.000 euros para os clubs e deportistas federados. A cantidade a entregar variará en función do nivel de competición regular do equipo representativo do club na tempada 2024/2025; a participación en campionatos de carácter oficial; o número de licenzas federativas; a formación dos técnicos encargados da formación dos equipos das distintas categorías; participación dos técnicos nos corpos técnicos das seleccións federativas na tempada 2024/2025; licenzas federativas de menores de 18 anos ou licenzas federativas femininas.
Neste caso os importes máximos irán dos 1500 euros para deportistas a nivel individual ata os 25.000 para os clubs, pasando polos 3.000 euros para os clubs en categoría comarcal; 14.000 en provincial; 18.000 en autonómica e 20.000 en categoría estatal.
Neste caso as solicitudes teñen que presentarse no Rexistro Xeral do Concello no prazo de 20 días naturais desde a publicación das bases no BOPPO.

Deixar un comentario