Xoán Reices, voceiro do BNG da Estrada, respondeu ás críticas feitas polo PP ao partido nacionalista na última semana.
Comezando pola resposta de Manuel Magariños, edil de Novas Tecnoloxías, sobre o cableado de telefonía caído, Reices asegurou que a resposta dada “confirma o que xa sabiamos, e saben os veciños e veciñas, é dicir, que todo está feito un desastre” mentras o goberno se escuda en ter tramitado a incidencia, “o que demostra que como burócratas son bos, pero como políticos son nefastos e aos feitos nos remitimos, xa que a día de hoxe os cables de fibra de Vera e Fontenlo seguen polo chan como hai meses”, comentou.
Engadiu que, de non ser polos traballadores que tramitan as cuestións burocráticas, “a situación do concello sería moito peor”. O nacionalista afirmou que “botar balóns fóra tamén o saben facer moi ben no goberno do PP”, á vez que “son os primeiros en poñerse na foto, cousa que ao alcalde dáselle moi ben tamén”.
“Os veciños e veciñas queren un goberno que lle solucione os problemas, non que sexa o campión das desculpas”
Xoán Reices, voceiro do BNG da Estrada
Ademais, aproveitou para responder ao alcalde Gonzalo Louzao sobre a variante da N-640. Confirmou que “é certo que non nos podemos colgar medallas sobre estas infraestruturas que levamos anos demandando, mais as críticas do alcalde demostran que, a pesar de que o BNG non ten o poder, si ten capacidade de influencia no goberno do Estado, colocando a variante no acordo de investidura, cousa que o PP, a pesar dos seus 13 deputados e deputadas elixidos polas circunscricións galegas non foron quen, nin agora nin nunca”.
Lembrou que os nacionalistas tamén conseguiron descontos na AG-53 e na AP-9 e prometeu no nome do seu partido que “até onde poidamos para que a Estrada teña Variante, cousa que xa é máis do que fará este alcalde”.
Imaxe de portada: cableado caído en Vera, Santo André de Vea // cedida

Deixar un comentario