Mar Blanco, voceira de MÓVETE
A Estrada debe declararse institucionalmente en contra de ALTRI polo impacto negativo que o proxecto depredador de recursos naturais causaría sobre o municipio.
A macrocelulosa, 10 veces maior que Ence- Pontevedra, é especialmente nociva para A Estrada, pois o noso é o Concello que conta con mais quilómetros de ribeira do Ulla, estando situado despois do encoro de Portodemouros onde se realizaría o vertido da auga sobrante do proceso de Altri, o que afectaría a espazos singulares como o Areal de Berres, a praia de Praíña en Couso, o da ponte do Xirimbao e o coto salmoneiro de Ximonde, entre outros. Así afectaría tamén intensamente á pesca do Salmón e á Festa gastronómica, a cal xa está en grave risco na actualidade. Ademais os efectos nocivos de ALTRI repercutirían directamente tamén no sector forestal -polo incremento das plantacións de eucalipto e risco de incendios- no sector agrogandeiro e no sector turístico. Todo isto levaríanos polo camiño dun maior abandono do rural e á súa consecuente perda de poboación, xusto o contrario do que precisamos.
Neste senso Móvete presentou unha iniciativa para que o Pleno do Concello da Estrada rexeite expresamente o proxecto depredador que é ALTRI e contribúa a evitar o desastre que suporía para o territorio.
Por dignidade e compromiso na defensa do territorio, temos que ser claros e coherentes: ou defendemos o territorio, os sectores produtivos e os veciños e veciñas da macrocelulosa, ou nos poñemos ao servizo dun selecto club de empresarios como parece que fai a Xunta.
Para sorpresa de ninguén o 4 de marzo de 2025 a Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia publicou no DOGA a declaración de impacto ambiental positiva dando luz verde á macrocelulosa de Greenfiber. Sen embargo, ante os posibles incumplimentos das directivas medioambientáis europeas a última palabra aínda está por dicir.
A Estrada ameazada polos efectos da fábrica altamente contaminante ten a ocasión de unir sinerxias con otros concellos coma o de Melide, Arzúa, Toques, Agolada para artellar unha posición común e un calendario de accións ante o impacto que sobre o medio ambiente, o benestar xeral da veciñanza e a economía local ao longo da conca do río Ulla terá a instalación desta macrocelulosa.
Rexeitemos ser o vertedoiro de Europa e traballemos a prol dunha economía revitalizada e sostible que garanta proxectos de vida digna aos veciños e veciñas.



Deixar un comentario