O Concello lanzará a licitación da reforma da Farola

O Concello lanzará a licitación da reforma da Farola

Tras meses de debates sobre se é unha obra necesaria e sobre a colocación do icónico farol – polo que houbo unha manifestación e un referendo -, o Concello vai licitar as obras de reforma da Farola. Este paso dáse tras celebrarse no mediodía deste luns a Xunta de Goberno Local – na que se aprobou a formalización do convenio coa Deputación para o financiamento da obra – e despois de recibir o visto e prace da Xunta de Galicia en relación ao tramo da PO-841 no que se farán obras.

E é que a vía autonómica comeza na rúa San Paio e as obras estenderánse ata a intersección desta con Marqués Vega de Armijo. Ademais destas dúas, a reforma tamén abrangue parte das rúas 56 e Don Nicolás.

En canto á financiación provincial, o proxecto foi o que mellor puntuación recibiu no Plan Extra da Deputación e recibirá 807.028,27 euros, polo que as arcas municipais só terán que aportar 345.869 para completar o orzamento de 1.152.897 euros.

O prazo de execución previsto é de 6 meses polo que, de cumprirse a previsión de comezar ao rematar as festas do San Paio, o novo espazo peonil estaría rematado nos últimos meses do ano ou nos primeiros días do 2026.


Imaxe de portada: Praza de Galicia // Xornal da Estrada

Comentarios

Deixar un comentario