Existen testemuños de que antigamente en cada casa estradense había un lagar no que as familias facían a súa propia sidra. Agora, a Asociación Maceira e Sidra, en colaboración co Concello da Estrada, quere poñer imaxes a estes testemuños, polo que solicitou a colaboración cidadá. Buscan imaxes que amosen lagares, recollida de mazá ou calquera outra instantánea que poida aportar contexto histórico a esta actividade do campo estradense.
A imaxe do escritor Manuel García Barros que se emprega na promoción da Ruta da Sidra e que ilustra esta noticia é un exemplo do que buscan, aínda que serve calquera relacionada co sector, como poden ser un carro cheo de mazás, traballos de recollida, preparación do froito ou o propio lagar no que se facía a sidra.
Os interesados poden enviar as fotografías ao enderezo comunicacion@aestrada.gal. A data límite é o 18 de maio, coincidindo coa Festa do Salmón. A asociación reservaríase o uso das imaxes para a divulgación do sector e, a cambio, entregaráselle un detalle con produtos da zona a aqueles que colaboren.
Imaxe de portada: García Barros nun lagar // cedida

Deixar un comentario