Luis López Bueno, voceiro do PSOE da Estrada, valorou como “insuficientes” as melloras levadas a cabo na N-640 ao seu paso pola Estrada. “É certo que se resolveron algúns problemas, pero aínda queda moito firme por repoñer”, asegurou.
Agardou que este ano se produzan máis actuacións, pois quedaron “bastantes tramos” sen resolver”. Engadiu que “é a principal vía de comunicación que ten A Estrada e debemos esixir as inversións que merece” e avanzou que o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, está traballando niso.
Mostrou a súa preocupación pola seguridade no casco urbano, en Liñares e no cruce do Sol, onde “non é raro ver atropelos ou colisións de vehículos”, indicando que o Ministerio de Transportes está informado. Ademais, chamou ás diferentes forzas a “manter a unidade” en relación a este tema.
Noutra orde das cousas, o socialista reclamou no último pleno que se repoña a sinalización danada tanto nas parroquias coma no casco urbano, á vez que cuestionou á súa calidade. Sinalou que en todas as parroquias parroquias “hai sinais dos lugares que xa caíron”.
Imaxe de portada: labores de mellora da N-640 en Callobre // cedida


Deixar un comentario