Reices, sobre as medidas para a vivenda: “moitas destas propostas foron presentadas polo BNG en 2018 e 2024”

Reices, sobre as medidas para a vivenda: “moitas destas propostas foron presentadas polo BNG en 2018 e 2024”

Xoán Reices, voceiro do BNG, congratulou ao goberno municipal por propor medidas ante a problemática da vivenda, considerando “positivo que se recoñeza que hai que intervir e que se asuma que os problemas non se solucionan sós”, asegurou.

Comentou que concordan con varias das propostas, en parte porque “moitas destas propostas foron presentadas polo BNG en 2018 e 2024”, aínda que en ambos casos non chegaron a saír adiante.

Quixo fixarse no censo de vivendas baleiras para o que considera que “o goberno municipal debería agardar a coñecer exactamente o estado real da situación da vivenda para poñer enriba da mesa as solucións”.

O nacionalista puxo o foco na “falta de concreción” que ten algunha das propostas.

“As axudas propostas poden ser a solución para un par de pisos ou casas, pero un propietario privado non vai poder acometer a reforma que precisa un edificio enteiro dos moitos que hai baleiros no casco urbano. E iso agardando que non sexa precisa a coordinación de varios propietarios”.

Xoán Reices, voceiro do BNG

Por iso, cre que “a proposta non deixa de ser un mero enunciado sen nada concreto” dado que “o Concello só é un medio intermediario ningún propietario necesita un acompañante para ir un banco a pedir un crédito”.

Segundo comenta Reices, tamén existiría unha “falta de ambición”, pois non se tería tido en conta o PXOM.  “Cremos que hai que activar o PXOM, emprendendo as modificacións precisas para obter solo público para a construción de vivenda social, así como facilitar a edificabilidade en réxime de autopromoción, tanto no casco urbano como no rural”, explicou.

Ao parecer dos nacionalistas, as propostas “apuntan no bo camiño” e agardan que se cumpran, pois “o goberno local xa anunciara a realización dun censo de vivendas baleiras para conformar unha bolsa de alugueiro social en xullo de 2016 e nada fixo”.


Imaxe de portada: Vivendas da Estrada // Xornal da Estrada

Comentarios

Deixar un comentario