Abre o prazo para solicitar axudas á creación de empresas

Este mércores abre o prazo para solicitar as axudas municipais destinadas ao fomento da creación de empresas. O prazo remata o 2 de maio e poderán acollerse a elas o empresariado individual e as pequenas e medianas empresas (Pemes), independentemente da súa forma xurídica, que iniciasen a súa actividade empresarial entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2024.

Entre os requisitos atópanse que a empresa teña o domicilio fiscal na Estrada, que sexa unha empresa viable técnica, económica e financieiramente, que sexa unha empresa de nova creación ou que se traspasara a alguén sen vinculación familiar e que non teña débedas coa Seguridade Social, coa Administración da Comunidade Autónoma, coa Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT) nin co Concello da Estrada.

A axuda non superará o investimento inicial nin a cuantía de 2000 euros. Desde o departamento de Emprego sinalan que, nestes anos, a achega media superou os 1000 euros e que, a mínima, non baixou dos 700.

Este mesmo departamento púxose a disposición dos interesados, tanto de forma presencial (sen necesidade de cita previa, de 9.00 a 14.00h) coma telefónica (chamando ao 986 677 740).

Comentarios

Deixar un comentario