AMALIA LAGO, PSOE da Estrada
A política non só é votar cada catro anos. Facer política é axudar aos demais, participar en asociacións, colaborar cos centros educativos, crear empresas… a política está en absolutamente todo o que facemos. Facer política é, en definitiva, utilizar o noso poder para contribuír ao ben común.
Hai que entender que a política é para servir, non para ser servida. A vida cotiá está chea de oportunidades para exercer a nosa esencia política, xa sexa a través de pequenos xestos de resistencia ou de accións máis atrevidas na procura do cambio social.
O marco da política social é fundamental á hora de entender un Concello. Somos a administración máis próxima aos veciños e veciñas, e por iso coñecemos perfectamente os problemas do día a día. Sabemos perfectamente das dificultades que ten unha veciña cuxo pai ou nai son dependentes. Entendemos moi ben aos pais e nais que sofren para conciliar a súa vida familiar cos seus traballos. Débense atender eses problemas como é debido.
Nunca quixemos facer guerra política cos servizos sociais, somos unha oposición responsable e facemos o noso traballo con propostas. Levamos anos pedindo un compromiso de verdade cos programas de servizos sociais, pero non vemos ningunha preocupación polas moitas carencias dos diferentes servizos.
A Estrada ten a metade de prazas en residencias de maiores das que recomenda a OMS. Dende o ano 2020, o Grupo Municipal Socialista pedimos activamente unha nova residencia pública, a prezos razoables, que serviría aos centos de veciños e veciñas que demandan unha praza.
Unha sociedade xusta mídese en como coidamos aos que o deron todo. Os nosos maiores merecen dignidade, atención, e un fogar no que envellecer con respecto e cariño. Sería bo reunirse coa Xunta de Galicia para pedir esa residencia todos xuntos.
Ademais é de xustiza que os servizos sociais cheguen ás parroquias. No seu momento pedimos Fondos EDUSI para crear pequenos centros de día no rural. Alí habería actividades para novos e maiores. O Consorcio Galego de Benestar Social (Xunta) había apoiar esta proposta pioneira en Galicia. Penso que vivir nunha parroquia non debería ser sinónimo de ter menos servizos, non credes?
Ademais, hai que ter en conta a situación do Servizo de Axuda no Fogar. Prometeuse un novo contrato para o ano 2024 e non se cumpriu. Esa contratación leva paralizada dende decembro, non se soubo nada máis dos traballos para sacala adiante. Tampouco vai haber nin unha soa hora máis de SAF no 2025 a pesar da enorme lista de espera. Centos de veciños e veciñas quedan nunha situación complicadísima.
Tamén nos ten que preocupar a mocidade da Estrada. Hai que ampliar os horarios do Espazo Concilia e mellorar a cobertura do Servizo de Atención Temperá. Ademais, non hai alternativas de ocio nin se lle dá protagonismo ás organizacións xuvenís dispostas a traballar coa xente máis nova. Sería bo dotar un espazo para eles, sobran instalacións nas que se poderían facer proxectos así.
A política está para servir á Estrada e non para ser servida. Non o esquezades nunca.



Deixar un comentario