A Estrada non estaba morta

A Estrada non estaba morta

Xoán Reices, voceiro do BNG

Na política institucional, especialmente nas “máis altas esferas”, das que nos contaxiamos directa ou indirectamente nos Concellos, vívese ao día. Parecera que as noticias tiveran data de caducidade e que solo falaramos de cada cuestión durante a semana ou semanas durante as que nos bombardeen con noticias sobre o tema (porriba, con máis mentiras que verdades). Esquencémonos de todo.

Pero é que o mundo non comeza cando o miramos. Igual que a chamada guerra (máis ben xenocidio) da Palestina non comezou o 7 de Outubro de 2023, ou o goberno da Xunta do PP na Xunta non empezou hai dous anos.

Hai que ter memoria. Hai que tela incluso de tempos non vividos. Porque si, antes a Estrada non estaba morta. Antes a Estrada tiña moitísimas máis explotacións gandeiras. Falábase máis galego. Había máis salmóns e troitas nos ríos. Máis paxaros nas árbores. Había, de certo, un aire máis limpo, unha comida máis saudable e mesmo había fontes en todas as parroquias. Había un centro médico cun número adecuado de profesionais.

E si, é certo, non se pode responsabilizar a ninguén dende o local de algo que ten unhas raíces moito máis profundas e antigas. Si. É difícil culpar a calquera persoa desta situación, mesmo se lle chamamos Alcalde. Pero unha cousa é non ter a culpa e outra non ter a responsabilidade.

Penso, na miña humilde opinión, e sempre o repito, que vivimos nunha situación de urxencia. O noso sistema sanitario está en risco, e cada vez é peor e máis privado. Os servizos sociais hai moitos anos que están colapsados. En cuestión medioambiental temo que xa chegaramos mesmo a un punto sen retorno. Os soldos cada vez son máis baixos en proporción ao custe da vida. Do problema da vivenda, nin falamos.
É certo, non se nos pode botar a culpa disto pero… o que non se pode é finxir que todo está ben. Estou farto de escoitar (en maior ou menor medida) a membros dos partidos políticos con cara de suficiencia anunciando vitorias. Parecera que vivimos nun verxel capitalista onde todo o mundo ten as mesmas oportunidades. Onde ninguén pasa fame. Onde a xente do rural ten os mesmos dereitos que a xente das cidades. Estamos a piques de entrar nunha nova guerra fría, e nin sequera temos atención psicolóxica ou psquiátrica para todos.

Pido reflexionar, dende o local, que é o que nos compete. Que é o que podemos facer? Como cambiar ou mellorar este sistema, se é que se pode. Que outras alternativas temos? Como podemos presionar? Dende logo, o primeiro é ser consciente da situación. Ter empatía coas persoas que poidan estar vivindo esta situación de urxencia. O primeiro paso para cambiar as cousa é ver que, parafraseando a Kortatu: “Hay algo aquí, que no va.”

Así que, por favor, deixemos de finxir que todo vai ben, deixemos de finxir que este sistema é o mellor posible. Deixemos de finxir soamente porque temos medo a perder o que temos. Esa é exactamente a maneira de perdelo. Non podemos abandonar a política. Temos que activarnos. Sexa no asociacionismo, no sindicalismo, na política institucional ou mesmo na familia. Hai que espabilar.

Queres ler máis artigos coma este?
Visita o espazo web de Politicando!

Comentarios

Deixar un comentario