Touriñán será o pregoeiro da Festa do Salmón

Touriñán será o pregoeiro da Festa do Salmón

Haberá tardeo coa orquesta París de Noia

Xosé Antonio Touriñán, actor, humorista, produtor e director, será o encargado de pronunciar o pregón da LI Festa do Salmón, tal e como anunciou na mañá deste mércores Gonzalo Louzao, alcalde da Estrada. Esta festa terá lugar o domingo, 18 de maio.

Touriñán comezou a súa carreira no ano 2002 e pasou por filme como Cuñados, +Cuñados ou Fariña e por programas da TVG como Luar, Land Rober, Padre Casares, Era Visto e Catro Gatos.

Como pregoeiro será condecorado co Salmón de Ouro. É o único desvelado ata o de agora. O alcalde estradense comentou que “é un dos actores máis queridos de Galicia, cunha gran traxectoria a prol da cultura galega, e queremos que estea presente coma unha das caras desta nova etapa da Festa do Salmón”. “Buscamos tamén unha persoa moi coñecida para mediatizar un evento dos importantes que vai ter Galicia esa fin de semana”, recoñeceu.

O seu pregón coincidirá co ano da renovación escénica do evento. Como viña sendo habitual, a parte institucional da festa (o pregón e a entrega dos Salmóns de Ouro) será no Teatro Principal, mais a parte gastronómica trasladaráse á Praza da Constitución.

Participarán máis dunha ducia de establecementos e as propostas culinarias verán mellorada a súa estética e custarán 4 euros. Ademais, desde os locais participantes venderánse tíckets para axilizar a venta durante a festa.

Para a tardiña, propúxose unha sesión de tardeo coa París de Noia, tal e como avanzamos no Xornal da Estrada. Será a partir das 20.00h na Farola. Con esta proposta búscase, segundo Louzao, “conseguir que a xente veña á Estrada todo o día, consuma na rede de establecementos locais e chegue ata a noite desfrutando desta festa”.

Para ir abrindo boca, os días 9, 10 e 11 de maio terán lugar as xornadas de tapeo de salmón. Participarán uns 22 establecementos e as tapas custarán 3 euros.


Imaxe de portada: Xosé Antonio Touriñán // touri.gal

Comentarios

Deixar un comentario