Xunta e Concello asinan un acordo para ceder terreos para a construción de vivenda pública

Xunta e Concello asinan un acordo para ceder terreos para a construción de vivenda pública

Na mañá deste martes, Alfonso Rueda, presidente da Xunta de Galicia e os concellos de Teo, Lalín e A Estrada firmaron un acordo co que se cederá de forma gratuíta terreos para a construción de vivendas de promoción pública. Na Estrada construiránse 28 vivendas, que se situarán na avenida de Vigo.

Gonzalo Louzao, alcalde da Estrada, quixo comezar a súa intervención lembrando que a súa primeira reunión como alclade foi con María Martínez Allengue, conselleira de Vivenda e Infraestruturas. Nela, trasladou a problemática existente na Estrada coa vivenda.

“Para min a vivenda, xunto co equilibrio territorial, as comunicacións e o solo industrial a prezos competitivos, é un piar básico para construír un concello de futuro”, asegurou. Engadiu que busca que A Estrada sexa “un concello de oportunidades” no que os nacidos nel poidan seguir vivindo alí e  o que se atraia nova poboación.

Mostrouse “consciente de que non podemos depositar todas as esperanzas no sector privado”, sendo as administracións públicas as que abran o camiño. Confiou en que ese acordo inicie “unha primeira fase”, pois hai case un cento de familias agardando por unha vivenda de promoción pública.

Recordou que no concello hai 3000 vivendas baleiras e que se anunciaron medidas para reducir esa cifra. Ademais, asegurou ver na colaboración coas administracións unha forma de solucionar a falta deste ben.

// Xunta de Galicia

Pola súa banda, Rueda comentou que ese acordo xa activou “o proceso de licitación dos proxectos construtivos”. Ademais, destacou a importsncia da colaboración entre administracións.

“Ten que ser unha responsabilidade compartida”

Alfonso Rueda, presidente da Xunta de Galicia

Comentou que estas vivendas enmárcanse dentro do plan de construción de 4000 vivendas públicas, tanto en cidades coma en concellos medianos e pequenos. “Esa Galicia calidade que estamos a facer entre todos non será se non hai unha vivenda de calidade”, salientou.


Imaxe de portada: Sinatura da cesión de terreos // Xunta de Galicia

Comentarios

Deixar un comentario