Este xoves o pleno do Concello debatirá dúas mocións sobre Altri. Unha foi presentada polo BNG e, a outra, polo PP.
Xoán Reices, voceiro do BNG da Estrada, explicou que o PP propuxo aos grupos da oposición “unha moción conxunta sobre a macropasteira de ALTRI en Palas de Rei”.
Comentou que os nacionalistas rexeitárona porque “era inasumíbel para o BNG, xa que na práctica nin censuraba este proxecto nin pedía á Xunta a súa retirada, era un corta e pega do posicionamento do PP a nivel da galego”, pois indica que “os técnicos decidirán sobre o futuro deste proxecto”.
Reices mostrouse orgulloso da labor levada a cabo polo seu partido apoiando a aqueles que se opoñen ao proxecto da fábrica e participando nos diferentes actos de protesta que se fixeron.
Criticou que “o grupo de goberno presenta unha moción que é un lavado de cara da acción da Xunta” e avanzou o seu voto en contra. “Defenderemos outra moción que rexeita ás claras este macroproxecto contaminante e depredador”, asegurou.
“O PP ten a oportunidade de poñerse de lado dos veciños e veciñas da Estrada que maioritariamente están en contra da macrocelulosa ou seguir do brazo de ALTRI e de Rueda, que abraza sen rubor este proxecto”
Xoán Reices, voceiro do BNG
Imaxe de portada: Recreación da planta de Altri // Greenfiber


Deixar un comentario