“Estamos tirando o 50% do lixo mal”

“Estamos tirando o 50% do lixo mal”

Este mércores os estradenses atopáronse cuns carteis informativos na rúa Calvo Sotelo. Estes forman parte da campaña informativa e de concienciación levada a cabo polo Concello para reducir o número de residuos impropios nos contedores do lixo.

Os cidadáns puideron coñecer onde hai que depositar cada tipo de residuo e recibiron información sobre o Punto Limpo – que reabriu hai dúas semanas – e sobre o contedor marrón, que se comezará a ver nas rúas estradenses despois do verán.

Óscar Durán, concelleiro de Servizos Municipais, e Gonzalo Louzao, alcalde da Estrasa, achegáronse ata ela. “É unha campaña de concienciación, centrada en parte no contedor marrón, pero tamén nun reforzo do que hai que reciclar e como hai que facelo, o que podemos tirar e o que non, porque nos vai ao peto”, explicou Durán. Lembrou que tamén se vai facer unha campaña orientada a grandes produtores e hostaleiros.

O concelleiro expuxo que “a nós pídennos que teñamos, como moito, un 20% de residuos impropios nos contedores e estamos case nun 50%”, polo que pretenden reducir esa porcentaxe nos contedores verdes coa instalación do contedor marrón.

“O que pretendemos é clasificar todo o vertido e que o que se bote ao marrón vaia para a compostaxe”

Segundo comentan, cada día mobilízanse 20.000 quilos de lixo ata a planta de Sogama, ou o que vén sendo o mesmo, cada estradense xera un quilo de residuos ao día. Este cálculo faise contabilizando todos os colectores excepto o do vidro.

“Estamos tirando o 50% do lixo mal. O obxectivo é chegar ao 20%”

Esta campaña continuará nas vindeiras semanas. Os paneis sairán á rúa, polo menos, outros tres días de feira, colocándose algún día no Novo Mercado. Tamén se realizarán campañas nos centros de ensino e outras no MOME dirixidas a asociacións.


Imaxe de portada: un dos paneis colocados // Xornal da Estrada

Comentarios

Deixar un comentario