Das lagoas de Zoo ao antigo encoro da Estrada: os lugares polos que pasará a Ruta das Letras

Das lagoas de Zoo ao antigo encoro da Estrada: os lugares polos que pasará a Ruta das Letras

Este domingo 18 A Fervenza de Ouzande celebrará unha andaina pola Ruta das Lagoas. Sairá ás 9.30h da Igrexa de Ouzande e percorrerá 12 quilómetros. É unha ruta de dificultade baixa e prevése que remate ás 13.30h. Ao completar o roteiro, cada participante recibirá un libro en galego como agasallo.

A participación está aberta a toda a cidadanía e é gratuíta, aínda que hai que ter en conta que se camiñará por camiños forestais.

Desde a asociación ouzandesa marcaron varios puntos de interese e que reproducimos nos seguintes parágrafos:

“Lagoas de Zoo: Nesta saída habemos achegarnos ao alto do monte do lugar de Zoo, xa no Concello de Cuntis, a un lugar no que de invernos se forman lagoas de auga doce grazas ao efecto da choiva e á escasa drenaxe do solo.

Espazos naturais e paisaxe: A ruta combina espazos naturais autóctonos con zonas moi deterioradas polo efecto do home nas que se fixeron grandes plantacións de eucaliptos mesmo en zonas de humedais e turbeiras de grande valor ecolóxico. Tamén, recentemente, foron instalados varios muiños de vento, cuxas obras provocaron certo impacto na contorna e o deterioro de algunhas paraxes. Apreciaremos a diferencia na vexetación en función da altura, posto que na zona das lagoas esta é propia de monte alto, fronte aos bosques que temos na saída de Ouzande.

Encoro da Estrada: Pasaremos pola beira do antigo encoro que abastecía de auga á vila da Estrada, convertido hoxe en día nunha lagoa na que destaca a vexetación propia de ribeira así como a presenza dalgunhas aves migratorias nalgunhas épocas do ano.

Monte Cabalar: baixaremos atravesando a zona ocupada pola cooperativa Monte Cabalar, na aba sur do Monte Pedroso, o que nos permitirá disfrutar do excelente estado en que sen conserva o monte, así como contemplar os rabaños de cabras e mandas de cabalos e vacas en liberdade.”


Imaxe de portada: participantes na Ruta das Letras 2024 // Xornal da Estrada

Comentarios

Deixar un comentario