Todos podemos salvar vidas

Todos podemos salvar vidas

O Concello presentou o programa CardioAngel, co que se busca reducir as mortes por ataques ao corazón

Na Estrada, cada mes uns catro veciños sofren un ataque cardíaco e, se se actúa nos cinco primeiros minutos, as probabilidade de salvar a vida é do 80%.

Por iso, este luns o alcalde, Gonzalo Louzao, o concelleiro de Sanidade, Óscar Rancaño, e Javier García, Manuel Martínez e Eloy Balo en representación da Policía Local, Emerxencias A Estrada e Garda Civil, respectivamente, presentaron ante os representates de diferentes asociacións municipais o programa CardioAngel.

CardioAngel é unha aplicación que se pode descargar no teléfono móbil que permite recibir unha alerta se unha persoa sofre un ataque ao corazón a menos de 400 metros de distancia en liña recta para poder prestarlle os primeiros auxilios en caso de que se poida e que permite alertar en caso de ser un mesmo quen o sofre.

Permitirá “ser un anxo” aos cidadáns, podendo salvarlle a vida a algún veciño. Ademais, é unha aplicación completamente anónima, aínda que hai que concederlle algún permiso para que poida xeolocalizarnos. Cada tres minutos monitorizará a nosa ubicación para, en caso de que alguén necesite ser atendido por unha parada cardiorrespiratoria ou sexamos nós quen o precise, poida enviar a alerta aos terminais que se atopan a menos de cinco minutos a pé coa ubicación exacta da emerxencia.

Cando alguén active a alerta, soará nos teléfonos próximos unha alerta de 15 segundos de duración, que quen a reciba poderá aceptar ou rexeitar. Calcúlase que, para ter ben cuberto o casco urbano, serían necesarios, polo menos, 90 “anxos” e que no rural esa cifra ascendería ata superar os 200.

A Estrada, xunto con Ribeira, é un dos concellos pioneiros en contar con esta rede de voluntariado. Como parte da campaña, este sábado terá lugar no MOME unha formación de Reanimación Cardio Pulmonar (RCP) á que pode asistir quen estea interesado sen necesidade de inscribirse. Será de 10.00 a 14.00h – os horarios serán flexibles – e esta formación iráse ampliando en función da demanda, podendo chegar a levarse ás parroquias.

Imaxe de portada: presentación de CardioAngel // Concello da Estrada

Comentarios

Deixar un comentario