A Estrada acollerá este sábado a Copa Galicia Master

A Estrada acollerá este sábado a Copa Galicia Master

Este sábado A Estrada será sede do XI Trofeo de Ciclismo Concello da Estrada, proba puntuable na Copa Galicia. Esta proba manterá o seu percorrido e foi xuíza da Copa Galicia en 2024.

En total percorreránse 80,1 quilómetros. A saída situaráse na Rúa Antón Losada Diéguez e o pelotón agrupado terá que subir pola Avenida de Santiago e continuar pola Avenida de Pontevedra, onde se dará a saída lanzada.

A carreira porá rumbo a Cuntis e Moraña, onde estará o primeiro sprint intermedio. Pasarán preto de San Antoniño – o primeiro porto de montaña da etapa do Gran Camiño que rematou na Estrada – e rodarán dirección Caldas de Reis, desde onde poñerán rumbo a Moraña, atopándose cunha subida na que se podería descompoñer o grupo principal.

En Cuntis terán a segunda meta voante. Ao chegar á Portela (Cuntis), dirixiránse ao Souto de Vea. Desde alí continuarán por un terreo rompepernas no que destacan os ascensos a Santeles (2 quilómetros ao 5,6%) e á Cañoteira (1,3 quilómetros ao 6%) que poden rematar de dinamitar o grupo dos favoritos. Cómpre destacar que a subida da Cañoteira remata a un quilómetro do arco de meta, que se situará na liña de saída.

Últimos 5 quilómetros // Xornal da Estrada

Esta proba puntúa nas categorías Master 60, Master 50, Master 40 e Master 30 e está organizada polo Club Ciclista Cidade de Santiago.

Imaxe de portada: perfil da proba // Xornal da Estrada

Comentarios

Deixar un comentario