Este mércores Concello e Deputación asinaron o convenio de colaboración para o financiamento para o proxecto de reforma da Praza de Galicia e da súa contorna. Deste xeito, o ente provincial asumirá a través do Plan Extra 807.000 euros dos 1,15 millóns de euros que custa o proxecto.
“Esta é a guinda do pastel. Supón colmatar un proceso de transformación que se iniciou hai cinco anos coa humanización desta zona céntrica, que comprende o entorno do Concello, alameda, Praza da Feira e as rúas Ulla e Calvo Sotelo”
Gonzalo Louzao, alcalde da Estrada
O Concello obtivo a financiación máxima á que optaba e este proxecto situouse á cabeza das valoracións entre todos os que se presentaron ao Plan Extra. Ademais, o goberno municipal ca conseguiu o financiamento necesario para aportar os 345.869 euros que lle corresponden.
Con esta obra, o espazo destinado ao peón gañará 4000 metros cadrados nunha praza que “foi orixe da Estrada”, como sinalou o alcalde estradense. As obras estenderánse polas rúas 56, San Paio, Marqués Vega de Armijo e Don Nicolás.
Tras esta sinatura lanzaráse a licitación, coa previsión de poder comezar as obras despois das festas do San Paio, “de xeito que podamos aproveitar a época estival, na que non hai eventos nesta praza, para ir facendo os deberes e que teñamos a zona humanizada para o inicio do ano que vén”. O prazo de execución será de seis meses.
Imaxe de portada: Luis López Diéguez, presidente da Deputación, e Gonzalo Louzao, alcalde da Estrada, asinan o convenio // Concello da Estrada


Deixar un comentario