Este xoves a concelleira de Cultura, Lucía Seoane, e a responsable da asociación Recuncho da Lingua, Pilar Bernárdez, presentaron as actividades que se desenvolverán en Berres con motivo do Ano Cultural Avelina Valladares.
Comezarán este sábado ás 17.00h coa representación da obra de teatro infantil Procúrase Pepa A Loba, da Cova das Letras. O domingo á mesma hora comezará un evento que bautizaron como “As Letras Galegas en Berres 1970-2025”, no que se exporán imaxes da celebración do Día das Letras Galegas adicado a Marcial Valladares (1970). Nel tamén se mostrará un traxe tradicional galego – que non é o que se mostrou nas Letras Galegas de 1970, ese cedérao a sección feminina no seu intento de unificar os traxes tradicionais – e actuará Tamparratán.
O sábado 31 de maio terá lugar unha mesa redonda sobre o legado de Avelina Valladares. Estará moderada por Chus Nogueira e participarán María del Carmen Ferreirós, Mabela Castro, Pablo Bernárdez e Xesús Domínguez.
O 27 de setembro o Concello celebrará un roteiro pola parroquia no que se visitarán o Casal de Vilancosta, a igrexa, o cemiterio e O Areal. Nel participará parte do elenco da obra Os seráns de Vilancosta, que se estreou a principios de abril no Teatro Prinicipal, e Isabel Rei, que tocará pezas do Cancioneiro dos Valladares no Areal.
No mes de outubro presentaráse o poemario completo da autora e organizaráse unha charla con varios poñentes que arroxarán luz sobre a vida e obra de Avelina Valladares.
Imaxe de portada: presentación da programación cultural // Concello da Estrada

Deixar un comentario