Este mércores o Teatro Principal acolleu a entrega dos premios da Festa das Palabras. Un recoñecemento aos micropoemas e aos microrrelatos que os alumnos dos diferentes centros educativos da Estrada prepararon con gran esmero. No caso das composicións en verso debían empregar a palabra ‘pobo’, mentras que na prosa, ‘pandeireta’.
De pandeiretas foi o acto, que comezou coa música do Regueiriño de Lamas. Música da que falou Susana Sánches Aríns, a madriña da edición que é estradense “por decisión”. Poeta que lles aconsellou loitar polo que queren e que leu en exclusiva un dos seus últimos poemas.
E como de poetas vai parte do evento,
ante un público atento
recibiron como premio
unha flor e un libro cos seus versos.
E regresaron os do Regueiriño e as súas pandeiretas. Ao remate da súa actuación deixamos a un lado o “Sei cantare, sei bailare” e quedámonos coa pandeireta.
Que se teñen 3, 5 ou 9 ferreñas (ou 4, 6, 7 ou 8), que se as ferreñas son industriais, artesás ou feitas con chapas de cervexa ou que se foron feitas cun tipo de madeira ou outro. Poderiamos adicarnos a clasificalas, pero os gañadores dos microrrelatos subiron polas escaleiras do escenario para recoller o seu premio.
Premio tamén recibiron Susana Sanches, Rosa de Cabanas – a deseñadora do cartel e do libro – e Amalia Goldar, concelleira.
Despois convidaron a Amalia Goldar a dicir unhas palabras. E falou. Pero non durante moito tempo. E entre unha cousa e outra, en menos dunha hora rematou a Festa das Palabras. Adiviñades como? Con pandeiretas. E cunha foto de familia dos premiados.
– E non dis nada máis?
– E que queres que diga? Que ata o ano que vén non se volve celebrar?
– Non, que debaixo destas liñas atópase unha galería da que os lectores poden desfrutar.















Deixar un comentario