Este venres o Palco da Música acolleu a presentación das Festas de San Paio. A Comisión de Festas, acompañada polo alcalde Gonzalo Louzao, presentou unha edición con “récord de días e de actividades” que pretende “levar a festa a todos os recunchos”.
Os actos festivos comezarán o sábado 21 de xuño e rematarán o domingo 29, aínda que o día seguinte será o Día do Neno nas atraccións.
O 21 de xuño terán lugar o Encontro de Fillos e Amigos da Estrada, unha exhibición de Sincroburbullas e a Estranoite, carreira popularmente coñecida como a Nocturna Estradense, que coincidirá co acendido do alumeado.
A Comisión está valorando celebrar o 23 de xuño o San Xoán ou se deixar que os veciños celebren os seus propios, pois xa se atopan programadas as cacharelas da Cañoteira, do Areal, de Fernando Conde e de Ribela.
O 24 de xuño adicaráse á programación infantil, con inchables, animación de Anacos Educativos e a festa da escuma. Será a partir das 17.00h na Praza do Concello.
A partir do mércores 25 terá lugar a programación oficial das festas. Desde ese día os estradenses espertarán ás 10.00h coas bombas de palenque. Na mañá do 25 a charanga Os Galácticos animarán as rúas e farán de previa do pregón, que terá lugar ás 13.00h na Praza do Concello. O alcalde dará o chupinazo e, despois, poderáse brindar con sidra estradense e con viño galego, que estará etiquetado como ‘San Paio 2025’. Tamén comezarán as sesións vermú e haberá unha exhibición de SondoDance e Stradanza, amais da verbena, que correrá a cargo de Cinema e Tekila.

Na xornada do patrón, o 26 de xuño, celebraráse o torneo 3×3 de fútbol sala e estará a Brilat amenizando os momentos previos e os posteriores á misa polo patrón, ademais da procesión. A verbena correrá a cargo da charanga Támega, o espectáculo “Camiñantes e Cantantes”, de La Ocaband no que participarán Pili Pampín, Manuel Manquiña e Pepo Suevos; e a orquesta América.
O segundo dos días festivos, o venres 27, contará co 3×3 de baloncesto, pasarrúas e concerto da Banda de Música Municipal da Estrada, a misa do Santísimo e a procesión, na que participará a corporación municipal. Celebraráse a II Ruada na Estrada, coa participación de Tequexetéldere e A Ponte Vella, e a verbena correrá a cargo da Banda de Paramos, La Última Legión e o Combo Dominicano. Segundo confirmaron desde a Comisión de Festas, estaríase plantexando trasladar parte da actividade noctura a unha sesión de tardeo que comezaría entre as 17.00 e as 18.00h, pois hai un gran número de eventos pola noite.

Chegados á fin de semana, o sábado 28 celebraránse a Festa da Bicicleta, a AE League e o V Festival de Música Tradicional da Estrada. Neste último participarán a Banda de Gaitas de Barbude, Os Xeitosos – un grupo de Trazo – e o Grupo Folclórico de Santiago de Custodias, de Portugal. Á noite, actuarán a Big Band Carlos Barruso, cun tributo a Frank Sinatra; Herdeiros da Crus e a orquestra Gran Parada.
Para rematar, o domingo 29 contaráse coa animación musical das charangas Os Encerellados, BB+ e TNT e da Banda de Música de Forcarei. A programación nocturna contará cunha ampla variedade de actuacións: comezará co G Face, continuará cos estradenses Dr Zaius e Dalia Negra e, tras unha pausa para os fogos fin de festa, remataráse coa Galilea. Será durante a actuación desta orquestra cando se desvele o gañador do sorteo dunha viaxe a Punta Cana.
En total haberá máis dun cento de postos, entre os que se atoparán os de comida rápida e as atraccións. Colocaránse, como de costume, nas rúas Iryda, Ulla e Calvo Sotelo e na Feira. Na Feira estarán as atraccións, que comezarán a montarse o mércores 18 ás 15.00h, coa previsión de que abran o sábado 21. O Día do Neno será o luns 30 e o mércores 2 a Feira terá que estar libre, pois ese día a xornada feiral terá lugar alí.

De feito, só unha das xornadas feirais terá lugar fóra do espazo habitual. Será a do 25 de xuño, cando se montarán os postos na Avenida de Ponteareas e no aparcadoiro de dita rúa.
No relacionado co orzamento, desvelaron que ascende a 190.000 euros, dos que 60.000 apórtaos o Concello da Estrada. Avanzaron que a recaudación deste ano, que se está facendo diante da Sala Abanca, xa supera a do ano pasado e que en xuño farán a recollida todos os días.
Imaxe de portada: presentación do San Paio 2025 // Xornal da Estrada


Deixar un comentario