Xoán Reices, BNG da Estrada
A cultura, entendida como investigación, como a busca de ideas revolucionarias (non se me asustar aínda), como a busca dese pensamento lateral que nos abra a mente e o mundo a novas posibilidades, xa sexa no ámbito da filosofía, da arte, da enxeñaría ou mesmo do hedonismo, é fundamental para nós. É parte indispensable para a conservación do noso xeito de pensar e ver o mundo, pero tamén como descubridora de novas maneiras de velo e de mellorar a nosa vida a todos os niveis.
Véndoo deste xeito, é fácil supoñer que cantas máis manifestacións culturais diferentes, máis posibilidades de mestura, de cambio, mesmo de evolución.
Así pois, cada unha das manifestacións culturais, e todo o mundo estará de acordo nisto, é importante, pois aporta unha visión particular e única da realidade, e polo tanto, enriquécea.
No que posiblemente algunha xente non estea de acordo comigo é en como facilitar o desenvolvemento destas manifestacións.
Hai quen busca simplemente traer o grupo máis famoso, a compañía de teatro máis relevante, a festa que atraia a máis xente. É o caso do Concello da Estrada. Tamén dos medios de comunicación modernos, do sistema capitalista, en xeral. Sempre priorizar a ganancia económica.
Traer o que “quere o público” ou o que xera máis diñeiro como atallo, para non ter máis que simplemente contratar a alguén, sen pasar o traballo (quen tivera ese traballo!) de apoiar ás pequenas bandas, ás pequenas artistas, ás científicas, ás filósofas. E por suposto, con preferencia por amigas ou achegadas á ideoloxía dun. Unha e outra vez e a todos os niveis.
E isto, na miña opinión, provoca que as sociedades se estanquen. Sen novos pensamentos, sen novos puntos de vista, sen variedade, as culturas acaban apodrecendo repetíndose unha e outra vez creando copias cada vez máis deformadas e absurdas. Facilita, tamén, o control de masas (que de por si está cada vez máis perfeccionado). A axenda das clases dominantes.
Non, non se trata de poñerlle a cruz a certas manifestacións culturais ou a outras. Trátase de apoiar a cultura (toda a cultura) dende o seu xerme. Crear as condicións necesarias para que esta cultura se manifeste por si mesma, e do xeito máis diverso.
Isto significa repartir os medios. Dar oportunidades a todo o mundo de mellorar, de mostrarse.
Precisamos máis recoñecemento para as científicas. Precisamos máis rmedios para as artistas, precisamos que non se beneficie a uns ou outras segundo a súa ideoloxía. Precisamos historiadoras, pintores, músicas. Pero precisámolas a todas e a todos. Precisamos variedade e honestidade.
Precisamos máis cultura. Menos Panorama, menos macrofestivais e máis cultura local.
Isto, obviamente, implica deixar de beneficiar sempre á mesma xente, e apostar pola canteira antes que polas fichaxes. Temos como exemplo ao Celta. Sabemos que temos canteira, só falta confiar.



Deixar un comentario