O EDM pon punto final a 35 anos de historia

Este luns o EDM A Estrada Baloncesto anunciou nun comunicado que cesaba a súa actividade como club deportivo tras 35 anos de existencia. Desde o equipo destacaron que, en toda a súa historia nunca perderon a súa esencia, sendo “un club amateur e con xente ‘da casa’”.

Lembraron que “a nosa filosofía foi buscar que todo aquel que quixera, puidese desfrutar do baloncesto na Estrada”. Foron os responsables das escolas municipais e, nesta tempada, contaron con 9 equipos e máis de 100 xogadores. Ademais, o equipo Senior Masculino chegou a competir na liga EBA e, o Senior Feminino, na Primeira División Autonómica.

Aseguran que chegaron a formar “unha familia”, algo que “foi grazas á colaboración de moitas persoas que co seu tempo e esforzo puxeron o seu gran de area”. Tamén quixeron agradecer aos diferentes patrocinadores, porque “sen vós non tería sido posible”.

A decisión de finalizar con 35 anos de existencia precipitouna a creación do A Estrada Basket, un novo club independente creado por “un grupo de pais e nais cuxos fillos xogaban no EDM”. Por iso, desde o EDM cren “que é o momento de dar un paso a un lado e permitir a entrada de savia nova ao baloncesto estradense”.

No comunicado, fixeron fincapé en que a pesar de “compartir instalacións e facer uso xa do material do noso club, non houbo ningún tipo de vontade de colaboración”. Ademais, explicaron que, pola súa parte, entenden “que non ten ningún tipo de sentido a existencia de dos clubs nunha vila do tamaño da Estrada e a coexistencia só perxudicaría á xente interesada en practicar o baloncesto”.

Para finalizar, desexáronlle sorte ao Estrada Basket e agardaron que “o baloncesto estradense siga adiante por moitos anos”.

Comentarios

Deixar un comentario