María Mera dará o pregón do San Paio

María Mera dará o pregón do San Paio

A actriz e presentadora María Mera será a pregoeira das festas de San Paio 2025. Licenciada en xornalismo, conta cunha gran vinculación coa Estrada, pois fixo as súas prácticas en Radio Estrada.

Manolito Gañete, presidente da comisión, agradeceu á boqueixonesa que non houbese “ningún pero” e asegurou que “para ter unhas festas espectaculares hai que ter un bo pregoeiro”.

Mera comentou que para ela é “unha honra estar neste concello” e lembrou que ela está vencellada a dous concellos próximos: os de Vedra e Boqueixón. Mostrouse “impactada co programa” das festas e dixo estar ilusionada con que se pense nos rapaces, pois “é necesario para seguir coa tradición”. Ao contar con programación para os máis pequenos da casa, engadiu, pódese “romper cos teléfonos e coas pantallas”. Ademais, recordou que, cando era nena, “estaba como tola polas festas”.

Agardou que o día do pregón – o mércores 25 – “sexa un día bonito” e marcouse como obxectivo “superar a Lito [Garrido] e a César [Romero]”, os pregoeiros das festas de 2024.

O concelleiro Alberto Blanco valorou como un “acerto” a elección de María Mera, pois é “unha gran referente, especialmente como actriz”. Lembrou o que para el foi un dos seus últimos grandes papeis, o de Rosa Vargas na serie O sabor das margaridas (2018).

Lembremos que o pregón celebraráse o mércores 25 de xuño ás 13.00h na Praza da Constitución. Con el, arrancarán de forma oficial as festas patronais da Estrada, que se alongarán ata o domingo 29.

Imaxe de portada: de esquerda a dereita: Manolito Gañete, María Mera e Alberto Blanco // Xornal da Estrada

Comentarios

Deixar un comentario