O San Paio contará con máis dunha trintena de atraccións

O San Paio contará con máis dunha trintena de atraccións

Un dos maiores atractivos das festas de San Paio – especialmente entre os máis novos – son as atraccións de feira. O Concello está tramitando a documentación para que se poidan instalar 36, ademais dunha trintena de postos ambulantes.

As atraccións comezarán a chegar á Praza da Feira, ao Campo da Feira e ao aparcadoiro da Rúa 25 de Xullo na tarde deste mércores, tras rematar a xornada feiral. Comezarán a funcionar o sábado, coincidindo co inicio dos actos oficiais da programación, entre os que se inclúen a xuntanza anual de Fillos e Amigos da Estrada e a Estranoite, a carreira nocturna polas rúas da Estrada, coa que se acenderá o alumeado festivo.

Dado que as atraccións funcionarán do 21 ao 30 de xuño – este último día será o Día do Neno e os prezos das atraccións estarán rebaixados -, a feira do mércores 25 trasládase ao estacionamento que encerran as rúas Iryda e Ponteareas. Os postos serán adxudicados segundo as indicacións da Policía Local.

En canto aos postos ambulantes que cada ano ocupan as rúas estradenses, estes colocaránse nas rúas Iryda, Calvo Sotelo, Praza da Feira e Praza da Constitución. Terán distintos tamaños e natureza, habendo postos de comida, artesanía, bixutería, xoguetería ou téxtil, entre outros.

Imaxe de portada: montaxe das atraccións de 2024 // Xornal da Estrada

Comentarios

Deixar un comentario