A Estrada agarda comezar outro plan de asfaltados despois do verán

A Estrada agarda comezar outro plan de asfaltados despois do verán

Xa están traballando no proxecto de 2026

O alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, visitou este luns os traballos de asfaltado de pistas do rural que está levando a cabo Covsa. Concretamente, estivo en Santeles de Abaixo.

“Os traballos estanse executando nunha época moi boa, o que lle confire unha durabilidade importante. Ao non estar o terreo con tanta auga compacta mellor e a aplicación do aglomerado en quente non atopa un contraste térmico”, explicou. Lembrou que os traballos que se están a realizar contan cun investimento de 800.000 euros.

Apuntou a que aínda hai un millón de euros en obras de mellora da rede rural que aínda están pendentes de ser licitados. Comentou que están pendentes da chegada dos informes sectoriais e que “agardamos que comecen despois do verán”.

Avanzou que xa están traballando no plan de 2026, para o que agarda que “moito do que quedou sen incluír este ano” poida incorporarse ás obras programadas no que vén. A planificación por fases é obrigada, asumiu Louzao, pois a rede municipal ten máis de 2000 quilómetros de longo.

Para moitas desas vías do rural que non se van asfaltar este ano, váiselles dar “un repaso” a través do proxecto de parcheado que está en proceso de licitación e no que se incluirán 189 vías de 47 parroquias.

Traballos en Santeles de Abaixo // Concello da Estrada

Actualmente Covsa está traballando en 15 vías de 11 de parroquias cun orzamento de 600.000 euros. As actuacións estánse realizando en Couso (Souto de Vea), Cora (Carbia), Santa Cristina de Vea (A Costa-Tarrío-Sorribas-Igrexa), Santeles (Cruxeira, Pearo e Santeles de Abaixo), Berres (Servide), Orazo (Barro, Castrovite-Dornelas), Frades (Requián a Vilariño), Moreira (A Pía e Acceso Igrexa dende a estrada provincial), Matalobos (Matalobos), Vinseiro (Freán) e Liripio (Igrexa).

Ademais, tamén traballará noutro plan de pavimentacións, nos que se inclúen Couso (Couso), Cora (Vilacriste), San Xurxo de Vea (Guntín), Santeles (Santeles), Paradela (Aldea Grande), Riobó (Barcia e A Pena), Frades (Subión e Chaín), Barbude (Trasmonte), Rubín (Birbigueira), Guimarei (Guimarei), Lamas (O Rodo), Vinseiro (Freán e A Pena) e Codeseda (A Bugalleira).

Imaxe de portada: traballos en Santeles de Abaixo // Concello da Estrada

Comentarios

Deixar un comentario