A música tradicional deixaráse escoitar durante toda unha xornada no San Paio

A música tradicional deixaráse escoitar durante toda unha xornada no San Paio

O sábado 28 A Estrada acollerá o V Festival de Música Tradicional da Estrada, organizado pola Escola da Banda de Gaitas de Barbude. Nel participarán a propia Banda de Gaitas de Barbude, Os Xeitosos de Trazo e o Grupo Folclórico de Santiago de Custodias, procedente das proximidades de Porto (Portugal).

Comezará ás 12.30h cun pasarrúas que sairá do Florida e pasará polas rúas Ulla, Calvo Sotelo, Avenida de América e Avenida de Benito Vigo. Seguirá pola Praza do Mercado e de Galicia para chegar ao Concello. Despois, as agrupacións desprazaránse a diferentes puntos do casco urbano para facer un microconcerto a pé de rúa. As ubicacións serán na Porta do Sol, diante do Gadis e diante da Sala Abanca e calcúlase que durarán sobre media hora.

A partir das 20.00h arrancará o festival, no que cada grupo actuará entre 30 e 40 minutos. No caso da Banda de Gaitas de Barbude, nalgunhas pezas actuarán os máis pequenos da agrupación.

Desde a propia organización do festival recoñeceron que, ao rematar esta edición, comezarán a traballar na do 2026, co obxectivo de amplialo.

Imaxe de portada: presentación do festival // Xornal da Estrada

Comentarios

Deixar un comentario