Este sábado será o cuarto día das festas de San Paio, xornada que terá como pratos fortes un tributo a Frank Sinatra e o concerto de Herdeiros da Crus.
Ás 10.00h tiraránse as tradicionais bombas de palenque. Ás 11.00h haberá un pasarrúas e comezaran os partidos de baloncesto 3×3 na Alameda e da AE League no Pavillón Manuel Coto Ferreiro.
Ás 12.30h desfilarán a Banda de Gaitas de Barbude, Os Xeitosos (Trazo) e o Grupo Folclórico de Santiago de Custodias (Portugal), agrupacións que a partir das 20.00h participarán no V Festival de Música Tradicional da Estrada, que se celebrará na Praza da Constitución.
A Zona dos Viños acollerá ás 14.00h a sesión vermú, que correrá a cargo de Suso Aboy. A partir das 16.00h, a estación de autobuses acollerá unha nova edición do XFest.
En canto á programación nocturna, ás 22.00h a Big Band Carlos Barruso dará un concerto tributo a Frank Sinatra na Praza de Galicia e, ás 23.30h, comezará a verbena, con Herdeiros da Crus na Praza do Concello e Gran Parada na Porta do Sol.
Imaxe de portada: concerto posterior ao pasarrúas do Festival de Música Tradicional da Estrada en 2024 // Xornal da Estrada


Deixar un comentario