Os psicólogos están todos tolos

Os psicólogos están todos tolos

Xoán Reices, BNG da Estrada

“Os psicólogos están todos tolos”, dicíanme cando quería deixar a enxeñaría e pasarme a esa carreira. Certo, non é nada máis ca unha esaxeración, un xeito de falar.

“Ai, se es psicólogo, aquí vas ter traballo”. Simplemente unha brincadeira, unha carallada.

Ambas de conversa reais. E se ben non se poden tomar ao pé da letra, como con toda broma, como con todo exabrupto que expedimos cando estamos enfadados, sempre hai un parte de verdade subxacente. Ambas, son tamén moi clarificadoras do descoñecemento case total que a maioría da xente ten sobre a psicoloxía ou a psiquiatría. Nin os psicólogos serven soamente para atender a “tolos”, nin a saúde mental é ningún invento. E non é casualidade. Unha ciencia que leva sendo fundamental para os gobernos dende primeiros do SXX, e que a xente, en xeral, case que descoñece totalmente.

Se teño que dar a miña opinión, o que hai debaixo é un dos maiores problemas, para min, ao que se enfrontan as sociedades modernas: a cuestión da saúde mental.

Non fai falla irse a datos técnicos para saber que as novas xeracións, xa dende hai décadas, sufren de grandes problemas psicolóxicos que cada vez son máis graves e comúns. Ansiedade, depresión, suicidios… (e non soamente), todos aumentaron e teñen unha presenza máis que preocupante na sociedade e especialmente na xuventude. E en concreto a partir da pandemia, que tamén fixo un dano terrible. Amais, hai que ter en conta que a Galiza xa case que lideraba estes datos antes deste aumento.

En cambio, o aumento en recursos e profesionais nos centros médicos, concellos e outras institucións, é ridículo. Tiñamos insuficientes, aumentaron unha barbaridade os casos, e o aumento nos recursos non chega nin a paliar a diferenza. E é que tanto Xunta de Galicia como o Goberno de España parecen contentos co servizo actual. E cal é o servizo actual? Ir á privada ou estar en lista de espera durante anos. Non lles interesa mellorar, para que? Se o obxectivo é privatizar toda a sanidade… Xa case o conseguiron!

E é penoso sobre todo por unha cuestión. Que o servicio sanitario desatenda certos problemas (e que non actúe de forma preventiva) provoca que os gasto futurible sexa maior. Pero no futuro, iso si, máis unha patada para diante aos problemas.

E ollo, este é un problema que empeora. Desatender a educación sexual acaba converténdose en maior prevalencia de enfermidades de transmisión sexual, máis violacións, máis violencia de xénero. Desatender ás persoas con depresión ou ansiedade provoca o empeoramento das mesmas, con todos os problemas familiares, sociais e mesmos económicos que isto provoca. Desatender ás mulleres en risco provoca, directamente, mortes. Poderíamos falar tamén da falta de recursos na atención temperá, e ogallá non houbera 195 mil exemplos máis.

E isto, sen contar o sufrimento subxectivo de todas as persoas que o sufrimos en primeira persoa. Que por outro lado, somos a maioría.

A situación, tamén neste particular, é urxente. E nós?

Nós non podemos calar. Non podemos deixar que nos rouben o último que nos queda dunha sociedade, en teoría, xusta. Non podemos seguir respaldando a partidos políticos que non se preocupan pola Sanidade Pública, pola Saúde Mental. Así, en maiúsculas. Votar o PP, na estrada, na Galiza ou no Reino, é votar en contra da mellora da atención á saúde mental. Votar ao PSOE, lamentablemente é bastante parecido. Pero como sempre digo, votar é o de menos: Protesta, Asóciate, Loita. Aínda está nas nosas mans.

E por suposto, e anque non veña ao caso, OTAN non.

Comentarios

Deixar un comentario