Pepe Rodríguez xubílase este martes
“E máis nada. Punto e final a este tempo de radioinformación, que hoxe, ademais, coincide co punto e final ao traballo deste señor durante uns cuantos anos nesta casa.
Xa comeza para min unha nova etapa. Chega a etapa da xubilación e, polo tanto, chega outra etapa na que, evidentemente, seguirei ligado a vostedes a través doutras historias e a través doutras cousas pero sempre pensando, por suposto, en que durante todos estes anos quero agradecer profundamente a todas aquelas persoas que me axudaron e me aportaron moitísimas cousas, sobre todo a cada un dos traballadores desta casa, que para min foron unha fonte de aprendizaxe cada día. Asi que, para todos eles, o meu agradecemento máis profundo.
Para os que me quixeron facer algún dano, simplemente, está esquecido. E para todos vostedes, o que dixen no programa A galería, de Fran Campos: con estas e outras tantas, despídese de vostedes ata a próxima actuación Os Enxebres de Carracedo ca melodía titulada “Mañá xa non volvo”. Máis nada e moi boas tardes”
Con estas palabras pechaba Pepe Rodríguez o Actualidade mediodía, de Radio Estrada, do pasado mércores. Ese foi o seu último informativo na radio na que traballou os últimos 28 anos e da que, ata este luns, foi o director.
Este martes xubílase e, na mañá deste luns recoñecía, durante a homenaxe que lle fixo o Concello e o resto do equipo de Radio Estrada, que agora íase adicar, en parte, á pesca, afección que comezou a practicar nos últimos anos.
O seu testigo á fronte dunha das radios locais máis importantes de Galicia cólleo Damián Cortés, quen xa no pasado formou parte do equipo da emisora. Cortés xa avanzou a súa intención de sacar máis Radio Estrada á rúa, tal e como facían cando el traballaba nela, aínda que con menos persoal – pasaron de ser 10 persoas a ser 5.
Coincidindo con esta nova etapa, vaise implementar un novo software de continuidade que preparou Pablo Chichas.
Ademais, en setembro, coincidindo co inicio da nova tempada, poráse en marcha unha nova programación na que se podería incluír un programa de deportes diario.
Imaxe de portada: Homenaxe a Pepe Rodríguez // Concello da Estrada


Deixar un comentario