Luis López Bueno, voceiro do PSOE da Estrada, valorou como “desastrosa” a xestión do goberno municial en relación á apertura do “flamante vaso grande” das piscinas municipais que, finalmente, faráse este venres.
O socialista lembrou que xa o ano pasado se recortara a apertura das piscinas un mes debido a que as obras ían comezar en setembro, algo que finalmente sucedeu en xaneiro deste mesmo ano. Segundo López Bueno, o que sucedeu foi que “a día 15 de xuño non tiñan contratado o socorrista e polo tanto non podían abrir as piscinas ao baño, e contaban de sacar a licitación da reforma para iniciar en setembro, pero non foron capaces de facelo”.
Este ano, comenta, o servizo íntegro – tal e como matizou nos informativos de Radio Estrada – redúcese un mes respecto do que viña sendo habitual, pois normalmente abrían o 15 de xuño e pechaban o 15 de setembro.
López Bueno celebrou que non se vaia cobrar a entrada durante toda a tempada, aínda que “non debe colar como medida social o que é unha compensación para tapar a xestión chapuceira deste goberno”.
“O que piden os veciños e veciñas é que os servizos públicos abran en tempo e forma, que sexan máis económicos e que haxa o maior tempo de apertura posible”
Luis López Bueno, PSOE da Estrada
O voceiro dos socialistas tachou de “moi pouco serio” ao alcalde, pois “converteu este último mes nun circo de anuncios sobre a apertura que non foron capaces de cumprir”, á vez que “as piscinas dos concellos da contorna abriron con total normalidade”.
Para López Bueno esta é “outra mostra máis” de que “o actual goberno non é capaz de levar con normalidade as xestións máis sinxelas do Concello”. Rematou asegurando que “agora que Gonzalo di que a mancomunidade do Deza é tan boa, se cadra pode mancomunar as piscinas tamén”.
Imaxe de portada: obras da piscina // Xornal da Estrada


Deixar un comentario