O BNG presentou unha moción con motivo do 75 aniversario do pasamento de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, a quen definen como “figura senlleira da cultura galega, do pensamento político nacionalista e da loita polos dereitos do pobo galego”. Castelao foi escritor, debuxante, médico e político.
O autor d’Os vellos non deben de namorar estivo moi vencellado á Estrada dado que casou con Virxinia Pereira, veciña deste concello. Debido a isto, desde a formación nacionalista propoñen na moción presentada que se faga un “concurso público “e aberto para a realización dun monumento ou escultura conmemorativa da familia Castelao-Pereira, con especial atención á relación entre Castelao, a súa esposa Virxinia Pereira e o seu fillo Alfonso”.
Esta escultura colocaríase nun “espazo destacado e accesíbel do núcleo urbano da Estrada” e poderíase financiar “con fondos propios ou coa colaboración das institución públicas, nomeadamente a Consellaría de Cultura, Lingua e Xuventude”. Tamén se tería que promover “a participación cidadá no desenvolvemento do proxecto, implicando a artistas locais”.
Tamén solicitaron que, “no que resta de 2025 ou mesmo prolongando ao 2026, se desenvolva unha programación de divulgación, conmemorativa, que visibilice a figura de Castelao e a súa vinculación coa Estrada”.
Deixar un comentario