Abren un novo prazo para anotarse nos Campamentos do Mar tras quedar 10 prazas vacantes

O departamento de Servizos Sociais do Concello da Estrada anunciou este mércores a apertura dun prazo extraordinario de inscrición nos Campamentos do Mar tras quedar 10 prazas vacantes. O prazo estará aberto do luns 28 de xullo ao 4 de agosto e poderáse presentar a solicitude a través da sede electrónica ou de xeito presencial no Rexistro Xeral ou no departamento de Servizos Sociais en horario de 9.00 a 14.00 horas.

As prazas están reservadas a rapaces e rapazas de entre 8 e 16 anos. Este ano o campamento celebraráse no Campamento Xuvenil A Devesa, en Ribadeo (Lugo), do 26 de agosto ao 4 de setembro.

Para os participantes que están censados no Concello da Estrada, a administración local subvenciona directamente o 50% do custe xeral da praza, de xeito que os campistas estradenses pagarán 120 euros no canto dos 240 que terán que pagar os asistentes que non estean empadroados. Sobre a contía xa reducida haberá bonificacións engadidas. Deste xeito, familias numerosas e monoparentais pagarán 84 euros. No primeiro caso, o terceiro irmán tería praza gratuíta cando participen os tres na actividade. Tamén hai bonificacións por irmán: o primeiro pagaría 120 euros e o segundo, 84.

Comentarios

Deixar un comentario