Seis novos postos incorpóranse ás xornadas feirais

Seis novos postos incorpóranse ás xornadas feirais

As feiras dos mércores e dos sábados continúan a ser un éxito na Estrada. O Concello da Estrada vén de facer a revisión semestral dos postos que se instalan cada xornada, podendo incorporarse seis novos, todos eles dos sectores do téxtil, calzado e complementos.

En total son 116 postos que se instalan cada mércores e sábados. Na xornada do mércores hai ata 104 postos na Praza e Carballeira da Feira. A oferta comprende sectores como o téxtil – que é o que predomina -, calzado, alimentación, bixutería, madeira, paquetería, louza, libros, froitos secos, froita, bacallau, complementos, embutidos, pan, confección ou plantas. Ademais, na parte inferior da carballeira instálanse polbeiras. Para estas xornadas a lista de agarda é dunha trintena de comerciantes.

No caso das feiras sabatinas, cada semana instálanse na contorna do Novo Mercado unha ducia de postos e existe outra media ducia agardando para poder ofrecer alí os seus produtos. A isto engádese o interior do mercado, que nas xornadas feirais ve incrementada a súa oferta de produtos, destacando os de proximidade, como poden ser os do mar e os da horta.

De media, cada posto ocupa entre 6 e 8 metros. Os titulares abonan 1,19 euros por metro e número de feiras semestrais.

Imaxe de portada: feira dos mércores durante as festas de San Paio, polo que se trasladou ao aparcadoiro da Rúa Ponteareas // Xornal da Estrada

Comentarios

Deixar un comentario