Luis López Bueno, PSOE da Estrada
O Concello da Estrada vive nestes tempos sumido no caos máis absoluto. Custa crer que unha institución con tantos recursos económicos, con 130 traballadores e traballadoras e con tantos deberes pendentes sexa incapaz de sacar adiante practicamente nada. O actual goberno ten o Concello coma a habitación desordenada dun neno ou dunha nena de sete anos: hai de todo, pero non hai quen atope nada.
Leva Gonzalo máis dun ano na alcaldía e a súa principal achega ao municipio parece ser a capacidade de facer que todo empeore. Os asuntos sinxelos coma a Comida do Maior ou a reforma das piscinas acaban convertidos en odiseas sen final certo. E os asuntos importantes coma o polígono industrial, o contrato da recollida do lixo ou o do SAF permanecen nun limbo administrativo eterno. Din que a paciencia é unha virtude, pero na Estrada estannos tomando por parvos.
A reforma das piscinas, por exemplo, xa merece capítulo propio na historia universal da desfeita pública. 400.000 euros gastados para acabar con herba artificial que voa co aire e que hai que suxeitar con bancos de pedra. Un vaso que agora é a metade do que era. E dúas mensualidades de promesas falsas sobre a apertura. Parece máis a montaxe dun circo que a xestión dun goberno local. E digo isto co debido respecto aos profesionais do circo, que polo menos fan rir sen insultar a intelixencia da xente.
Sería conveniente que Gonzalo ofrecese algunha explicación. Eu xa teño as miñas, pero sería positivo que fose o propio alcalde quen recoñecera que o seu goberno é, por momentos, unha auténtica feira de variedades.
Para fotos, iso si, non hai problema. Ata posou diante dun penedo que simboliza a amizade entre Rusia e A Estrada, acompañado de “inversores” con vínculos bastante cuestionables, incluídas asociacións de cosacos e outras historias pouco claras. Vasilenko e compañía teñen pasado… e presente. Non fai falta escarvar moito para saber quen son. E, polo visto, hai quen se pon bastante nervioso cando se toca este tema.
Mentres tanto, os temas importantes seguen encallados. E agora xa é oficial: o Concello debe 3.033.330,93 euros en atrasos aos seus traballadores e traballadoras. Desde este Grupo Municipal Socialista levamos seis anos dicindo o mesmo. O tempo dá e quita razóns.
E agora que? Aquí ninguén vai asumir responsabilidades políticas? Cesará Gonzalo ao concelleiro de Persoal? Cesará ao Director de Réxime Interna? Francamente, eu non o creo. Onde hai patrón, non manda mariñeiro… nin este alcalde sucedáneo.
O goberno de Gonzalo converteuse nun espectáculo circense: cada día trae un novo número, entre ridículos propios dos peores paiasos e explicacións que nin os contorsionistas máis experimentados poderían executar, especialistas en facer ver o que non hai, en prometer o que non chega, e en escorrer o vulto cando toca dar a cara.
Pero que ninguén se engane, que mentres reina o caos na Casa do Concello, quen paga as consecuencias somos os veciños e veciñas. Que ninguén o esqueza. E isto, por moito que o adornen con fotos e publicidade institucional, non ten ningunha gracia.



Deixar un comentario